TRABADELADAS V

A Pablo Trabadelo un día dixéronlle que tía un ramalazo ácrata. Antes rexentara un blog ciclopedestre, e despois leu con devezo unha antoloxía dos artigos de Larra. Tentando de non se confundir a súa voz ca liña oficial de Axuntar (protexéndose a sí mesmo do gregarismo e á asociación dos futuribles exabruptos), solicita un couto que lle é concedido, e fala de si mesmo en terceira persoa como un gelipollas pra pechar o… cuadrado.

*Por limitaciois informáticas e vicio vizoso do autor, as partes desta trabadelada que levan formato de guion cinematográfico preséntanse en imaxes adxuntas ó texto. Recomendamos, pra conseguir un formato de letra máis lexible, o seguinte: 1- click co botón dereito e 2- abrir nunha nova pestaña.

A eclipse e a moeda de cinco duros

Chámome Pablo Trabadelo e son da Veiga e seminómada. Benvidos a esta sección egoica e redundante, hoxe ímonos poñer cósmicos.

O meu seminomadismo gravita ó redor da Veiga e de León, entrambos na cenreta de totalidade: podería ter subido á Pandela, ou ás Lomas. Tamén á azotea de meu irmao en Viveiro… Subir a un desos outeiros e poñer as gafas ISO que tuven a precaución tempraneira de comprari (pack de 5, pra repartir ca familia), e espreitar marabillado a silueta da lúa cubrindo morosamente o sol e, astro de luz inversa, xerar unha subnoite breve e máxica, úa noite dun minuto a medianoitiquía, un apagón fugaz nas charamuzas do solpor. Puidera… Pro non estaba eu sito en ningún desos (nin dos máis) espacios mediomeus. Puidera ter subido ó Mondigo, ó Castelo de Penarronda, ó corume de Silvela ou do Pozo da Neve, á cima da Cortiña de Riba, puidera terme deitado no Campo da Igresia na que fun bautizado e comulguei por vez primeira e recibín por rinorraxia ós doce anos a revelación do ateísmo, puidera ter subido al Campo del Chao, al Picu Cayón ou á Camparona de Sariegos, por listar unha listaxe a volaboli.

A eclipse («o acontecimento do século», decía un raparigo na RTP) pilloume en Portugal, no norte, nun case. Pilloume en Guimarães, a 203 km camiñando (en Google Maps) da aldeia bragancense de Rio de Onor (xemela transraiana da raiana zamorana Rihonor de Castillaii), polígono mínimo de territorio administrativamente portugués dentro da totalidade. Cen kilómetros, e outros cen, e remontar un pericouto pra ter mellor vista. Case. Puidera terme pillado en Setúbal, ou na Albufeira, ou en Beja xemela de Cáceres, lonxe. Pro non, pilloume no norte, case case na totalidade pero non. Pilloume nun hotel ben equipado na bisbarra de Guimarães, e, igual que todas as voltas en que un se extravía, traballando (¡fóoooodase!). Nárrovos a escea:

I

Cambiamos de ciclistas, comigo tocoulle ó JG, e co compañeiro foi DV, e a tele seguía posta, como nun corto de Jano Pitav, nese especial eclipse da RTP, entrevistando á xente recén aluadavi, unha muller que vera do Algarve, unha familia alentejana, un menino lisboeta… O poblo portugués estalara en aplausos no momento da noite-no-día, e nas nosas marquesas JG, que foi o único que traera as gafías e anduvera pendente de asomarse (a JG, neste grupo de adultos, fainlle un acoso bastante noxento) e DV, no morno remanso das horas posteriores ó exercicio extenuante, ouzan de fondo a tele mentras comentan algunha cousa típica sobre a etapa do día (que se foi dura, que se onde te quedache do pelotón, que se o noso esprínter non deu pasado o último porto por un pelo…). Nun certo punto, a presentadora do especial vespertino detén o seu parzamique no arranque espontáneo da multitude palmibatente, e o DV fai chanza delo: «¡há! ¡bateron palmas!»; anulando dunha toda posible lexitimización do xeito en que aquel grupo de animais sensiblosentintes expresou, dentro dos límites impostos pola súa fisicidade, o abourio de VER

C

A

E

R

a luz.

Y é que os nosos ciclistas sonvos xente pragmática. A carreira arrancaba en Lisboa, e por loxística leváronme, dende Salamanca, no coche doutro equipo, que baixaba dende o noreste ibérico. Saquei o tema, e o director foi muito plástico, muito teatral:

E según mo estaba decindo eu que, non sei por qué, din en facerme a imaxe cunha moeda de cinco duros, aquelos disquíos de 4,2 g de bronce de aluminio cun furadín no medio e un valor de cambio de vintecinco pesetías, o esprínter retirado cuxa preocupación principal son agora os puntos UCI pasando por diante dos ollos a moediña dun lado pró outro tentando tapar 1.391.400 km de pura chispa con 19,5 mm de opacidá furada.

Este é un texto en resposta ó David Uclés, preguntándome se, se cuadra, esta panda de machotes pragmáticos podería ficar inmutable o día de cada cento e pico anos en que anoitece dúas veces. Se poderían, con semellante po

der, cubrir o sol con cinco duros sen cegar.

i Se o David Uclés foi tal vez o primeiro do país en compralas (§ Tocar a Deus? Un pouco de historia sobre as eclipses, dispoñible en https://axuntar.gal/tocar-a-deus-un-pouco-de-historia-sobre-as-eclipses/), igual eu fun o segundo…

ii Excurso ou digresión: adxunto un mapa da zona, no que, se nos fixamos no campo de futebol e nas curvas de nivel, queda plasmada a posibilidade e tal vez xogo tradicional local de meterlle un bon furo, furazo ou furonazo ó balón pra tentar chegalo ó país vecín. Furo, cos seus derivados aumentativos furazo e furonazo, convivían con outros termos como barreno (e barrenazo) no vocabulario infantil pra denominar os chutes de balón… Decíamos aquelo de «¡no se vale furar de cerca!», en defensa da nosa integridade física. ¡Ai, a diglosia! Un furo, en portugués, é un furado, e por extensión semántica tamén é un pinchazo na roda, así que, mediada a trintena, aquí estou retomando unha palabra que levaba vinte anos esquecida. Pregúntome tamén, esa rapazada TAN ABSOLUTAMENTE RAIANA, cómo caralho ou carallo ou carayo ou caraio fai pra intentar ligar na rapazada dese outro mundo a un furonazo de distancia…

iii Os fenómenos astrais non van con el. É un tipo práctico: na etapa 2 caeu nunha rotonda no final e, esperando por unha montoneira que por sorte non tuvo lugar, foi quen a ferse un nobelo ipso facto, hai vídeo, é unha mostra mui destacada de profesionalidade e instinto de supervivencia.

iv O máis raro e salutífero da inmersión nun ambiente lusófono é a despenalización de certas palabras: vermello, ficar, xoello…

v Oficiei a súa voda fai un mes, e intúo que o cineasta pixoto terá o seu espacio nalgún momento nesta sección que, con tanta corrida ciclista por Portugal, estame quedando lusocéntrica.

vi Podedes convertir a lectura desta trabadelada nun momento bonito escuitando de fondo a canción Solifican12 do neno prodixio arxentino Milo J.

Comparte

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Resumen de privacidá

Esta web utiliza cookies pra que podamos ofrecerche a millor experiencia de usuario posible. A información das cookies  queda guardada nel tou navegador e realiza funciois de xeito que permiten reconocerte condo volves a nosa web e axudar al noso equipo a comprender qué seciois da web atopas máis interesantes ou útiles.