«A nosa personalidade non está predeterminada: vaise moldeando a medida que interactuamos co contorno e acumulamos experiencias. Poucas vidas ilustran esta idea dun xeito tan extremo coma a de Marcos Rodríguez Pantoja. O ‘neno lobo de Serra Morena’, que morreu o domingo en San Cibrao das Viñas, pasou doce anos afastado da civilización. Os animais salvaxes eran os seus únicos compañeiros.
Marcos Rodríguez Pantoja naceu en Añora (Córdoba) en 1946, no seo dunha familia pobre. A súa nai morreu cando el era moi cativo. A principios da década dos 50, a familia Trasladouse a Fuencaliente (Cidade Real). A súa madrasta detestábao e mallaba nel decote. Foi ela quen persuadiu o pai de Marcos para que o vendese a un terratenente da localidade. Marcos tiña daquela 7 anos. O cacique deixouno ao coidado dun vello cabreiro, para que traballase co gando. Durante un tempo, viviron xuntos nunha cova, en plena Serra Morena. O cabreiro era un home rudo, pero de corazón nobre; trataba o rapaz con respecto e esforzábase por ensinarlle o oficio. Del aprendeu, por exemplo, que a mellor maneira de evitar que un lobo solitario ataque as cabras do rabaño é ofrecerlle un coello a diario. Cando morreu o cabreiro, Marcos xa adquirira as destrezas necesarias para facer fronte ás dificultades da serra. Pouco despois empezou a ouvear e a rosmar coma os lobos.
Gerardo Olivares, que levou á gran pantalla a historia de Marcos en ‘Entrelobos’ (2008), matizou que o rapacete non foi criado polos lobos, aínda que si conviviu con eles. «Se ayudaban mutuamente», explicou o cineasta nunha entrevista a El Periódico. A proba está en que Marcos chegou a cazar cunha manda de lobos.
En 1965, Rodríguez Pantoja foi capturado pola Garda Civil. Tiña 19 anos, apenas era quen de falar, camiñaba algo inclinado, ía cuberto de peles e o cabelo chegáballe ata o van. «Vi a un tipo a caballo y me asusté. Llamé a los lobos, pero también se asustaron, porque empezaron a disparar», lembraba en Radio Nacional. Ao sentirse acurralado,
Marcos traboulle a un dos gardas, así que o levaron atado e amordazado a Fuencaliente. Intentaron devolver a Marcos ao seu pai, pero este reprochoulle que perdera a chaqueta e non quixo facerse cargo del. O mozo estivo un ano ao coidado dunhas monxas que lle ensinaron a sentar nunha cadeira ou a utilizar os cubertos. As sopas resistíanselle. Tamén lle custou durmir nunha cama; estaba afeito á dureza da cova.
Despois de facer o servizo militar, Marcos marchou a Mallorca para traballar na hostalaría. Alí sufriu abusos, burlas e innumerables enganos. Aproveitábanse de que o mozo descoñecía o valor do diñeiro e, en xeral, o funcionamento da sociedade.
O seu caso foi estudado a fondo por Gabriel Janer Manila, profesor da Universitat de les Illes Balears. A tese doutoral do antropólogo, defendida en 1978, poñía de manifesto as deficiencias da inserción oficial na España franquista: en lugar de recibir unha atención pedagóxica gradual e adaptada ás súas necesidades, Marcos foi obrigado a adaptarse pola forza á sociedade. Esta situación acrecentou a súa desconfianza cara ao ser humano. «Los animales me trataron mejor que los humanos. Los animales nunca me engañaron», aseguraba o propio afectado.
A finais dos anos noventa, cando vivía en Fuengirola (Málaga), Marcos coñeceu o galego Manuel Barandela, un policía retirado. Fixéronse amigos e acabaron vivindo xuntos na casa de Manuel, en Rante, unha aldea do Concello ourensán de San Cibrao das Viñas. Marcos axiña se gañou o cariño dos veciños, que mesmo lle organizaban festas de aniversario. Colexios e institutos de toda a provincia reclamábano para impartir charlas sobre a necesidade de coidar e comprender a natureza. A súa historia tamén traspasaba fronteiras: medios como a BBC, no Reino Unido, ou Clarín, na Arxentina, dedicáronlle amplas reportaxes.
Marcos recibía con agrado toda aquela atención. Pero había días en que escapaba ao monte e pasaba alí as horas mortas. Necesitaba voltar a ese mundo que nunca deixara de sentir como propio. O mundo dos lobos, os voitres e as aguias.»
Héctor Acebo

