
Por Héctor silveiro
Arde Veigueliña
Nestes días os distintos medios de comunicación recollen de xeito destacado as novas sobre os terribles incendios na nosa comarca. Case todos nomean o incendio de Veguellina, pero algún fala de Veigueliña. Xorde entón na denominación unha dúbida que non é menos grave que o incendio do que se informa. A responsabilidade final desta controversia lingüística está na oficialidade dun nome que está deturpado e seguir usándoo mal, ademais de rancio pode interpretarse como unha manifesta falta de empatía cara aos habitantes que están a sufrir estes desastres.
Efectivamente arde Veigueliña, que non é o mesmo que Veguellina, porque arden As Barrancas Rubias ao pé do Burbia, arde A Somoza. Non é a primeira vez, pero debería ser a derradeira. Non falamos só dos efectos do lume. Os incendios eiquí son, nada máis e nada menos, a evidencia dunha urxencia maior que parte da sangría da despoboación e abarca cousas de tan sinxela solución como é evitar o esquecemento e a desatención que seguen soportando a diario, e de vello, os seus habitantes. Unha débeda que Vilafranca, León, Valladolid e Madrid deben saber abordar e sufocar por completo.
O nome de Veigueliña é o correcto porque estamos falando dun territorio indiscutiblemente galego falante, unha das riquezas patrimoniais que se reflicte na toponimia e se pode observar tanto na documentación como na fala cotiá dos seus veciños. Pásalle igual a Teixeira ou a Vilar de Aceiro que muitas veces, por descoñecemento ou pola presión que o castelán exerceu, e exerce, son traducidos cuando os expertos defenden que un topónimo non admite tradución. De feito muitos nomes de lugar da Somoza manteñen a forma orixinal A Leitosa, Paradiña, Aira da Pedra como proba rotunda da auténtica denominación destes núcleos de poboación.
De todos os xeitos e sen que sirva isto de argumento e motivo de desculpa fácil, reparemos en que ese mal uso resulta invisible para unha gran parte da opinión pública aínda que afondando un pouco, sen un gran esforzo intelectual, sabemos responde a esa marxinación e despreocupación históricas nas que se confina permanentemente aos veciños deste territorio. Existe unha ausencia innegable de dereitos e unha falta de intervención tan escandalosas como as columnas de fume negro e as chamas destes días que arrasaron lugares tan emblemáticos como A Leitosa non xustifica a súa invisibilidade. O vrao pasado o entorno patrimonial das Médulas sufriu un dos máis graves incendios da nosa comarca, saíu en todos os medios tanto locais e comarcais como estatais. Este vrau foron outras explotaciois romanas de ouro do Bierzo as incendiadas, as segundas máis importantes, e xa foron menos os medios que se fixeron eco desta devastación. Parécenos denunciable ese desequilibrio inxustificado, como tamén a situación de abandono secular que é a principal causa de que ardan os nosos montes ameazando as casas e os recursos patrimoniais naturais, arqueolóxicos e culturais tan singulares. Desta maneira viven os habitantes de espazos mui valiosos, pero situados no baleiro do medio rural, agora queimados e empobrecidos, lugares deturpados e tan agredidos que chegan a ignominia, unha e outra vez, de mal nomear ás poboaciois afectadas, unha insensibilidade tremenda máis, por suposto pendente de reparar.Durante este incendio da Somoza iniciado o 29 de xullo que ameazou o núcleo poboacional de Veigueliña, foron desaloxados entre outros os veciños de Prado de Paradiña. En Teixeira estiveron dous días, exactamente 41 horas, sen electricidade. Denunciárono a propia veciñanza nas redes. Reclaman franxas perimetrais de prevención ao redor dos pobos (estes pobos con menor poboación, que viven entre montes cheos de vexetación deberían ser os primeiros nos que se aplicasen medidas de prevención lóxicas coa axuda e coordinación precisas e os medios das administraciois pertinentes).
Solicitaban ademais algo moi sinxelo para situaciois como as presentes, que haxa en cada núcleo habitado un xerador de enerxía para non sufrir estes apagois prolongados, aos que por desgraza están afeitos e que fan máis insoportables e angustiosos estes momentos críticos.
Non son reclamaciois novas e tampouco resultan custosas, pero son evidencias dese trato inxusto e inxustificado ao que deben sumarse as tradicionais demandas referidas ás melloras das comunicaciois de diversa índole, e que hoxe lévanos tamén a como son vistos e tratados estes lugares e a súa poboación tanto nos momentos de urxencia como os que non o son. Si, estamos alarmados cos incendios, pero resulta invisible a deturpación á que contribúen os propios medios de comunicación (practicamente todos, hai raras e destacables excepciois como dixemos, pois na maioría de medios escritos e dixitais, TV e radios maniféstanse insensibles ante unha histórica e reiterada falta de atención e respecto) e que reside entre outras cousas na denominación dos espazos asolados polas lapas. Veigueliña,auténtica denominación do lugar onde se iniciou o lume, aparece sistematicamente desaparecida como nome nos titulares, sendo o único nome e lexítimo nome no que se recoñecen os seus habitantes. Por máis que insistan as autoridades e a prensa en citar e reiterar (sexa de xeito desalmado ou inconsciente) a denominación incorrecta de Veguellina, eles son de Veigueliña. Así consta, ademais de na fala dos seus veciños, en múltiples documentos entre outros os que redactou no século XIX, en 1809, Munárriz na súa Descrición de la Merindad de la Somoza para argumentar a favor da explotación mineira da zona. O militar vasco reparara e tomara boa nota do nome auténtico escribindo sempre Veiguiliña (ou a variante Viguiliña). Insistamos no asunto se ben aparecen deturpados frecuentemente os nomes de Teixeira ou Veigueliña, se deixan pasar coa súa formulación natural en galego outros como A Leitosa, ou mesmo A Somoza, ao ser incapaces, quen os usa na escrita de traducilos ao castelán normativo nunha mestura de ignorancia e desinterese, pero que deriva, non o esquezamos dun trato vexatorio, vergoñento e irrespectuoso pola identidade e cultura destes lugares. Xa o temos explicado noutras ocasiois nestas páxinas subliñando as deficiencias históricas e a necesidade urxente de restituír a verdadeira toponimia da Somoza como parte da nosa riqueza patrimonial. Sería un bon síntoma por outra parte, un paso imprescindible para demostrar que A Somoza e os seus habitantes nos importan e que queremos que algo cambie.
Pódense apagar os incendios, mesmo se poden evitar grandes lumes e as súas graves consecuencias cunha boa política e medidas oportunas de prevención e atención ao mundo rural. Hai que actuar sobre o territorio antes de que arda. Apuntemos algúas imprescindibles: Xestionar a vexetación forestal e non forestal con novos criterios. Apoiar a gandería extensiva e as denominadas paisaxes en mosaico. Planificar o urbanismo tendo presente os perigos de incendio. Establecer rutas de evacuación e plans de autoprotección. Identificar en todo momento ás persoas vulnerables e as que poidan precisar asistencia. Establecer unha rede de embalses e tomas de auga. Asegurar infraestruturas e servizos esenciais como son a enerxía eléctrica e as telecomunicaciois. Garantir a coordinación axeitada entre as administraciois implicadas na posta en marcha destas medidas (local, autonómica e estatal).
Tamén é preciso para evitar a desaparición da nosa cultura e a nosa fala actuar antes de que ardan. Nisto non cabe defender ningún tipo de neutralidade. Resulta menos complicado que apagar un devastador incendio, extinguir esoutro lume menos visible, pero non menos perigoso da insensibilidade cara ao abandono do rural e das súas singularidades intrínsecas. Non esquezamos que para iso as palabras importan, demostramos usándoas con empatía que un topónimo é un nome dun lugar que responde á denominación coa que se recoñecen os seus habitantes. Salvemos tamén deste lume da invisibilidade a Veigueliña e á Somoza enteira!
Héctor M. Silveiro Fernández, membro correspondente polo Bierzo da Real Academia Galega.

